Actividades Náuticas

Piragüismo e Kayak

Kayak no río Tambre: dende a central hidroeléctrica do Tambre ata a desembocadura na Ponte Nafonso. Discorre esta ruta polo último tramo do río, antes de abrirse ao mar, e onde ademais de contemplar o magnífico bosque de ribeira, pasaremos por canaveirais e polo contorno do pazo do Tambre, antes de chegar á excepcional ponte medieval da Ponte Nafonso.

Piragüismo e canoa: o río Tambre e a enseada de Langaño son lugares propicios para este tipo de actividade. No lugar da Ponte Nafonso, está situado o club de piragüismo “Taxamar”, onde se organizan cursos de formación. Diferentes empresas privadas tamén se encargan de organizar este tipo de deporte na nosa contorna.

Vela, táboa lixeira e windsurf

Son moitas as localizacións idóneas para practicar este tipo de deporte ao longo da nosa costa, a praia de Broña, Siavo, ou calquera enclave costeiro. O Freixo pode ser un excelente punto de partida para encarar esta aventura pola ría de Muros e Noia. No centro náutico do Freixo poderás asistir a cursos de vela; alugar embarcacións ou gardar o teu material de windsurf. Coa práctica destes deportes, poderás desfrutar de toda a beleza da nosa ría.

Kytesurf

Actividade acuática que consiste no uso dunha cometa traccionada que se suxeita ao corpo mediante un arnés para poder deslizarte sobre a auga mediante unha táboa. Esta combinación permite alcalzar grande velocidade e realizar espectaculares saltos. Para facer esta actividade, calquera dos enclaves de praia do noso concello farán as ledicias para o goce desta disciplina. Cadaquén pola súa conta, ou ben a través de empresas privadas pódese realizar esta actividade.