Rutas de Sendeirismo
Ruta Langaño – Tremuzo
Desde a saída na zona do Freixo iniciamos a subida cara o Tremuzo. O roteiro que nos leva ata a cima permitiranos realizar unha serie de achados que son de gran interese para descubrir un pouco da historia da zona.
A primeira parada realizámola diante da Igrexa de San Xoan de Sabardes e despois continuaremos pola mesma estrada para desviarnos á dereita para ver a “fonte milagrosa” de San Bieito e as ruínas da capela. Seguimos polo carreiro e retomamos a estrada principal durante poucos metros para desviarnos á dereita polo carreiro que nos leva ata os petróglifos de Fontemoureira.
Seguimos o carreiro e collemos dirección cara arriba para enlazar novamente coa estrada ata a aldea de Magor. Pasada esta poboación desviámonos por un carreiro á dereita que nos leva ata o camiño que sobe desde Catasueiro e que nos leva ata o último cruzamento coa estrada xeral. De aí á cima hai un tramo duro de 1 km.
Despois de gozar da paisaxe desde o Punto Xeodésico, iniciaremos a baixada polo carreiro á dereita directamente ata a aldea de Outón. Desde alí, por estrada chegamos ata o Cruceiro do Cristo dos Pombeiros e desviámonos polo carreiro para chegar á igrexa do Cruceiro de Roo.
Iremos ata a aldea de Rates e colleremos o camiño paralelo á nova estrada que desemboca en Punta Langano, a pé do novo viaduto. Ao virar en Punta Langano e despois de poucos metros desviámonos por o carreiro á esquerda que nos leva a enlazar coa Senda Verda de Albán.
Subiremos ata Albeida e baixamos cara Serantes para desviarnos por un carreiro estreito que chega ata a área Recreativa do Requeixo. A partir de aí seguiremos o carreiro litoral ata a praia de Broña e despois de volta ao Freixo observando todo o patrimonio da historia dos Carpinteiros dos Pes Mollados.
Ruta A Ponte Nafonso – Monte Castelo -Tambre
O inicio do roteiro é desde unha da xoias arquitectónicas da comarca, A Ponte Nafonso, cos seus máis de 20 arcos e o seu pasado medieval dános a saída para un roteiro vinculado ao río Tambre.
Desviámonos á dereita e seguimos pola estrada ata a ponte do río Doas, onde nos desviamos á esquerda ata o “Ponte dos Arados”, debidamente sinalizado.
Cruzámolo e por distintos camiños de terra subimos ata a aldea de Cando para enlazar coa estrada xeral e chegar ata o cruzamento que indica o Miradoiro de Monte Castelo. Seguimos as indicacións e subimos os últimos dous quilómetros por unha pista ancha ata o miradoiro.
Alí teremos a oportunidade de fotografar unha das mellores vistas do tramo final e da desembocadura do Tambre e da Ría de Muros e Noia. A visita a Pedra Serpal faise imprescindible e se alguine anímase, existen empresas que realizan escalada na roca.
Baixaremos por un carreiro á esquerda que nos leva ata a estrada que vén de Cando a Insua e alí desviámonos á esquerda ata chegar ao carreiro do Tambre para ir ata a Central Hidroeléctrica.
Volvemos sobre os nosos pasos e no cruzamento seguimos cara á esquerda para chegar ata o Pazo do Tambre e despois ata a Igrexa de San Tirso de Cando.
Desde aí ata o punto de saída quédannos 3 km pola estrada principal.
Ruta dos carpinteiros cos pés mollados
Este roteiro litoral vai permitir visualizar un espazo “histórico” onde se realizaba un traballo artesanal vinculado directamente coa actividade da pesca e o marisqueo. Visítanse dous estaleiros que aínda se conservan en bo estado para apreciar o traballo que se realizaba neles. Tamén se poden ver moitos restos da pegada destas carpinterías que durante sesenta ou setenta anos foron o sustento de medio milleiro de familias da zona».
Como explica Santi Llovo nun dos seus estudos: «toda pedra que hai no mar ten un significado. Se non sabes o que había, non sabes o que queda. Hai carpinterías das que só quedan as ramplas de lanzamento, mentres que outras están mellor conservadas. Pódense ver os lugares onde se fixeron barcos como o Joaquín Vieta, o Eliseo, o Galeón de Abelleira ou o Carmen Barcia».
A experiencia de realizar o roteiro dos Carpinteiros cos Pés Mollados permite coñecer a historia, xa que se poden descubrir moitas cousas relacionadas coa construción de barcos e coas persoas que traballaban en cada un dos aspectos necesarios para levar a bo porto a construcción de barcos. A figura de “o fragueiro” que ía ao monte para buscar o carballo específico ou como se curaba a madeira.
O Concello de Outes está a apostar pola carpintería de ribeira e, por iso, vai rehabilitar un estaleiro para convertelo nun centro de interpretación. Está situado na zona de Broña e é unha das paradas obrigadas no roteiro.
O outro estaleiro que se visita é o de San Cosme, no cal se aprecia unha rampla de acceso en moi bo estado e unha zona de acubillo.
A carpintería de ribeira foi declarada no ano 2019 ben de interese cultural, xa que a Xunta quere garantir a investigación, promoción e protección desta técnica.
Durante o roteiro pódense ver os restos dos estaleiros onde se construíron barcos como o Joaquín Vieta.
Ruta das Fervenzas de San Paio e Gliptógrifos da Carballa
Este roteiro presenta un percorrido de 23,5 km que nos permitirá gozar dun itinerario de gran interese natural e cultural, coa carballeira e as fervenzas de San Paio e os Gliptógrifos da Carballa como puntos máis atractivos.
Saímos de Serra de Outes para seguir o curso do río Tines por unha contorna natural espectacular cara á conformación do Tines, despois de visitar a Torre dúas Mouros e a Igrexa de San Lorenzo de Matasueiro. Ascendemos cara a Gosende a través da paisaxe debuxada pola carballeira de San Paio, tras pasar pola capela homónima e visitar as fervenzas, tomando un desvío de 500 metros.
Desde Gosende continuamos cara Valadares, onde pasaremos pola Igrexa de San Miguel de Valadares. Desde aquí, o trazado discorre por paisaxes agrogandeiras das terras altas de Outes cara o espazo arqueolóxico dos Gliptógrifos da Carballa, con vistas ao val de Carleo, conformado polo río Bendimón.
Desde os gliptógrifos, cruzamos o val para ascender desde Carleo de Abaixo aos montes da Vaqueira e descender cara Cambeiro de Arriba, uníndonos co Camiño de Santiago da Ría de Muros-Noia cara a Serra de Outes.
O roteiro é apta para practicar sendeirismo aínda que tamén se pode realizar en bicicleta na súa totalidade.
Distancia: 23,39 km
Dificultad: Difícil
Altitud máxima: 420 m
Tipo de Ruta: circular.
Desnivel acumulado: 805 m
Consulta aquí a ruta en Wikiloc.