Gastronomía

Outes é ben coñecido na nosa contorna pola súa variedade culinaria e a excelencia dos seus produtos.

Gastronomía

Amplamente demostrada está a excelencia dos produtos cos que se elaboran gran parte dos menús que ofrecen os establecementos hostaleiros. Algunhas carnes de pucho, porco, polo e coello aínda proveñen da crianza tradicional, así como as hortalizas e verduras que proveñen dos hortos familiares. Todos estes elementos fan que os pratos que se elaboran en cada un dos restaurantes e casas de comidas do concello sexan do agrado dos comensais.

Carnes á pedra ou á brasa, guisadas tanto de becerro, porco, coello, cordeiro, cabrito, etc. Mariscos: Tanto bivalvos (berberecho, ameixa, ostras, mexillón, navalla) como crustáceos (nécora, centola, boi, lumbrigante, cigala, etc..) e peixes das nosas rías, en caldeirada, á brasa, etc..

Moluscos como o polbo á grella, á feira, o choco, luras, etc. Empanadas de trigo ou de millo. Cocido galego. Filloas da pedra ou sartaña, etc..

A cociña da nosa terra fará as ledicias dos comensais, ao poder degustar, dende sinxelos pratos elaborados con produtos máis económicos ata mariscos de alto prezo, pero sempre co máximo garante de frescura, todos eles difíciles de conseguir noutros lugares debido á procedencia próxima da ría e do noso agro.

Berberechos e ameixas

De excelente calidade son tamén os peixes e mariscos que veñen da nosa ría.

Pipións

Os “pipións” -Ammodytes Lancea- así é como os coñecemos nós, pero noutros lados chámanlles bolos, pións..; podemos atopalos na praia da Barquiña (San Cosme), a finais de decembro e en xaneiro, preferentemente en días de lúa chea e con temperatura baixa. Prodúcese este fenómeno ben curioso e único pola nosa contorna. Este peixe vén desovar a este areal, momento no que a xente aproveita para desenterralos, con sachos, da area. Son alongados e móvense rápido, en zig-zag, polo que hai que ser rápidos e avezados para collelos. Vaise coa marea devalada. Cando esta se dá pola noite, é todo un espectáculo ver o areal cheo de lanternas e farois e ateigado de xente na procura do delicioso manxar. A maneira máis común de consumilos é enfariñados e fritidos en tixola.