Poeta Añón

Poeta Añón

O poeta Añón, é o personaxe máis ilustre, no eido da literatura, do Concello de Outes. Nace no lugar de Boel, o 9 de outubro de 1812 e morre no 1878. Estuda en Santiago de Compostela Filosofía e Teoloxía, máis tarde tamén acadou a carreira de Xurisprudencia. É nesta época de estudante, cando comeza xa a ter sona como versificador. En Compostela, comeza a ter contacto con escritores románticos e cos revolucionarios que no ano 1846 preparaban un levantamento contra o despotismo de Narváez, que logo fracasou trala derrota militar do Comandante Solís e o seu fusilamento xunto con outros dirixentes máis en Carral o 26 de abril de 1846. Incluso chegou a militar no federalismo republicano. Circunstancias que lle obrigaron a levar unha vida complicada e nada fácil.

 

A poesía de Añón presenta nas máis das veces un humor e enxeño, mesturado coa típica retranca. Outras veces achéganos unhas fermosas descricións costumistas con elexías de ton leal e declamacións reaccionarias. Tivo sona de poeta romántico, aventureiro e bohemio, demostrando nas súas composicións un amplo dominio lingüístico e unha fonda cultura. Converteuse así nun dos primeiros escritores galegos do século XIX.

Morre enfermo e pobre en Madrid, lonxe da súa terra. A maior parte da súa obra está dispersa en xornais ou inédita. O seu himno “A Galicia” foi o detonante que propiciou en 1861 o Rexurdimento.

 

Biografía en datas

1812: Nace o 9 de outubro na aldea de Boel.

1829: Comeza con 17 anos a estudar no Seminario Conciliar de Santiago.

1837: Despois de estudar 5 anos de Teoloxía, empeza os estudos de Xurisprudencia.

1840:Primeira poesía de Añón datada cronoloxicamente, “El Médico Enamorado”

1843: Añón consegue a Licenciatura en Xurisprudencia.

1845: “Recordos de infancia. Égloga”. É das primeiras poesías escritas en galego no Rexurdimento.

1846: Francisco Añón marcha por primeira vez a Portugal.

1850/53: Viaxa a Francia e Italia como secretario do inglés Lord Shawford.

1853/57: Regresa a España. Establécese en Sevilla. Ensina idiomas e escribe na prensa da época. “A una gallega renegada” é un dos poemas desta etapa.

1857: Añón atópase en Madrid. Escribe os poemas en castelán “A Lisboa” e “El borracho y el eco”. Dá clases de francés.

1861: Celebración, na Coruña, dos Primeiros Xogos Florais de Galiza. O seu poema “A Galicia”, escrito en galego, foi premiado cun accésit. Instalado en Madrid dedícase entre outras cousas ao periodismo político.

1862: A raíz deste certame publícase o Album de la caridad, onde se recollen algúns dos seus poemas.

1866/67: Volve Añón a Portugal, onde escribe dous poemas en castelán: “Mi querido Eduardo” e “En la inauguración de la estatua Á Camóens”.

1868: Retorna a España: Madrid e logo Galicia, onde reside algún tempo. O 4 de maio escribe en Santiago “A Mariña Barros á la edad de 8 años”. O 7 de agosto na Ponte Nafonso comeza a escribir “¡Boél!”, anaco de poema que manda nunha carta ao seu sobriño Diego Campos. En outubro publica en La Revolución, Periódico Liberal de Santiago o poema en castelán “La revolución, himno patriótico, dedicado al pueblo, al ejército y a la armada”.

1869: Volve definitivamente a Madrid. Constitúese a sociedade “La Fraternidad Galaico-Asturiana”, da que forma parte como vocal. Consegue un modesto traballo no “Ministerio de Gracia y Justicia”.

1872: Añón é nomeado “Auxiliar de Archivo”.

1873: Ascende ao cargo de “Oficial 3º del Archivo de este M.º Oficial de Negociado de 4.ª Clase en Admón.”. É cesado en xuño deste mesmo ano.

1875: Fúndase a sociedade “La Galicia Literaria”, da que Añón é presidente.

1877: Francisco Añón aparece como autor da tradución (incompleta) da novela rusa “Los dos amigos” de M. J. Tourguenef nun periódico de Madrid. Escribe as composicións: “Al papa” e “A Galicia”.

1878: Escribe “A miña enfermedá”, tal vez a súa derradeira composición. Morre o 20 de abril en Madrid.

Certame Francisco Añón de poesía

Dende o ano 1996 o Concello de Outes, cada 17 de maio –Día das Letras Galegas- organiza e celebra o certame de poesía na honra do seu ilustre poeta Francisco Añón Paz. Arredor de seis categorías distribuídas por idades, artéllase este Certame de poesía único na nosa comunidade, xa que, aglutina rapazada dende os seis anos ata sen límite de idade. A el pode concorrer quen o desexe, como requisito deben presentar os seus traballos en lingua galega. Despois de toda a nosa traxectoria, podemos constatar que xa son moitas as voces poéticas gañadoras do Francisco Añón de poesía que, a día de hoxe, son un referente no panorama poético galego.