Breve Historia de Outes
Breve historia de Outes
O Concello de Outes atópase na costa oriental da provincia da Coruña. Linda con Noia ao sur, Negreira ao este, Mazaricos ao norte e Muros ao oeste. Divídese en dez parroquias. A súa capital é Serra de Outes. Caracterízase este Concello pola conxunción entre o monte e a costa. Posúe unha orografía particular de zonas de altos cumes no seu interior, fronte a zonas costeiras de praias e suaves vales, a escasos metros do nivel do mar. Foi cabeza do partido xudicial abranguendo os concellos de Muros, Carnota, Mazaricos e Outes dende o 1822 ata 1834, ata que un novo réxime xudicial a trasladou para Muros. Na actualidade Outes posúe unha poboación de pouco máis de 6.000 habitantes cun amplo número de núcleos de poboación, -máis de 150- e moi dispersos entre si, dispostos nos case 100 km (cadrados) de extensión.
Outes na antigüidade
Temos probas que constatan a presenza humana no noso territorio dende tempos remotos tal como son os megálitos, petróglifos e castros.
Os megálitos son construcións a base de grandes bloques de pedra e terra que se empezaron a levantar a finais do Neolítico (cara o 3000 a. C.) e durante centos de anos, ata finais da Idade de Bronce (polo ano 1000 a. C.) serviron de lugar de enterramento colectivo ou individual e tamén como sinal de dominio do territorio.
Son de varios tipos, un deles é o menhir; probablemente o lugar de Pedrafita, en Valadares, o mesmo que a Pedrafita de Cabana Moura -Santo Ourente de Entíns- fagan referencia á súa posible existencia, tratábase de grandes pedras postas verticalmente sobre o chan.
Máis frecuentes son os dolmens, xeralmente cubertos por un túmulo de terra. Consérvanse no noso concello máis de 30 túmulos funerarios deste tipo, a maioría nas terras altas de Xende, Banzas e Valadares que miden entre 10 e 15 m. de diámetro. Outros destacables son a Casiña dos Mouros en Lestaio ou a mámoa de Terelle. Sobre todas elas destaca a Medoña de Cando, que alcanza os 30 metros. Ningunha delas se atopa escarvada ou en proceso de restauración.
Os petróglifos de Fontemoureira, no Freixo. Trátase dun conxunto de pedras nas que se poden ver varios círculos concéntricos con sucos radiais, algún deles unidos entre si. O máis salientable mide 1 m. de diámetro e consta de catro círculos concéntricos cun círculo radial e rodeado de cazoletas enmarcadas por rectángulos. Atópanse no Freixo, a 1 km aproximadamente da igrexa parroquial, na subida cara ao Tremuzo.
Os castros, son poboados fortificados en lugares de fácil defensa (outeiros, penínsulas ao borde do mar, etc.). En Outes hai constatados 13 aínda que ata o de agora non se realizaron prospeccións arqueolóxicas en ningún deles: Na parroquia de Santo Ourente: o castro da Esfarrapa, o de Diz e o de Cabanamoura; na parroquia de Sta. María de Entíns, o de Coiradas; o castro de Cando, na parroquia de Cando; na parroquia de Outes: o castro do Castelo, o de Mirás e o de Carleo de Arriba; na parroquia de San Xoán de Roo, o de Brión; o castro de Valadares e o de Gosende na parroquia de Valadares; na parroquia de Sabardes: o castro de Mosteiro e na parroquia de San Cosme, o do Pedregal.
No século I antes de Cristo, chega a conquista romana. Para soster a súa actividade militar e mercantil, crearon unha rede de calzadas, descrita no famoso Itinerario Antonino, que unía todas as cidades do Imperio entre si. A máis extensa, das catro que cruzaban Galicia, era a chamada Per Loca Marítima, que circundaba toda a costa. Viña dende Brácara Augusta por Iria Flavia (Padrón), atravesaba A Barbanza e entraba pola actual Pontenafonso no territorio dos Supertamaricos –tal e como chamaban os historiadores latinos Mela e Plinio aos habitantes da marxe dereita do río Tamaris (Tambre). Logo, flanqueando a ría, dirixíase cara ao Artabrorum parvo portus (Muros). Tamén construíron unha tupida rede de vías secundarias como a de Carleo, que unía as terras altas de Valadares e Mazaricos coa costa.
Sinal inequívoco da situación privilexiada do noso territorio, son os diferentes achados: “Ara de Banzas”, consagrada por un tal Victorinus, que se atopa actualmente depositada no Museo do Pobo Galego e a “Estela de Cando”, de intencións funerarias, e que se atopa no Museo da Catedral de Santiago; a súa decoración está formada por motivos xeométricos (disco con burato no medio), astrais (crecente lunar), unha figura humana esquematizada e a continuación o campo epigráfico.
Estela de Cando
Ara de Banzas
Co arranque da Idade Media, os pobos xermánicos de Europa Central invaden a Hispania romana no século V da nosa era, asentándose os Suevos no noroeste peninsular, fronte aos Visigodos que controlaban o resto da Península. Foron os creadores da actual división parroquial do territorio galaico. Ademais de deixarnos toda unha serie de topónimos por todo o municipio: Gosende e Xendil en Valadares, Gondelle en Entíns, Xende e Diz en Santo Ourente, Gulfián en San Cosme, Siavo e Catasueiro en Sabardes e Matasueiro en San Lourenzo.
Desta época, son os gliptógrifos de Carballa da Cova, que se atopan no pedregal da Laxe das Brañas, a uns 300 m. do lugar da Carballa. Son 8 laxes moi próximas entre si, nas que atopamos gravadas unhas 150 insculturas, a maior parte delas en forma de cruz, que cobren unha superficie de 25 metros cadrados. Datadas ao redor dos séculos V e VI da nosa era, durante o proceso de difusión do cristianismo por Galicia.
Os musulmáns que invadiron a Península no século VIII, apenas chegaron a instalarse aquí.
Como símbolo de resistencia contra o Islam naceu o culto ao Apóstolo, que comezou a coller grande esplendor e creouse unha rede de camiños que levaban os peregrinos a Compostela. Un deses camiños de Santiago viña dende Fisterra pola montaña, baixaba por San Lourenzo e pasaba pola Serra de Outes, onde durante séculos existiu unha capela chamada “Santiago da balsa” na que se detiñan os peregrinos -queimada na guerra civil española-, logo subía por Coiradas e A Barreira cara a A Ponte Nafonso. Outro Camiño Francés comunicaba as terras de Mazaricos con A Ponte Nafonso por Banzas, A Poza e a Esfarrapa en Santo Ourente e Vilardigo en Cando.
Por outra banda existen vestixios de época medieval. Proba disto foron as abondosas pegadas das que temos constancia e das que hoxe apenas quedan restos. O Castelo de Outes, O Pazo da Serra, a Torre de Ínsua, a Torre de San Lourenzo e a torre da Laxe son claros exemplos da influencia medieval no noso concello.
A Torre de San Lourenzo de Matasueiro, coñecida tamén como a Torre dos Mouros, os seus restos atopámolos a pouca distancia da igrexa parroquial. Mide 15 metros de longo por 7,5 m. de ancho. Apenas se manteñen as paredes, a fachada oeste conserva unha porta cun arco apuntado gótico de doelas de pedra dispostas radialmente. Titularidade privada.
Torre da Laxe, lindeiro co Concello de Muros. Coñecida tamén como Bico do Castelo Grande, despois de pasar o lugar de Arestiño. Sobre un outeiro rochoso nun lugar estratéxico e de complicado acceso, podemos ver chanzos traballados na rocha.Actualmente pódese atopar nas súas inmediacións restos de anacos de tellas. Na parte superior do rochedo aparece un alquerque de nove, gravado na pedra.