Ríos
O río Tambre
É o máis importante. Divide o noso concello do de Noia, desemboca no lugar da Ponte Nafonso despois de percorrer aproximadamente 84 km, dende as terras de Sobrado, Arzúa, Ordes, Santiago e Negreira. A súa desembocadura forma parte da Rede Natura 2000 –concibida como unha ferramenta útil a escala europea para a conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres- Esteiro do Tambre, que inclúe o último tramo deste río, a súa desembocadura, a do río Tins e o fondo da ría de Muros e Noia.
Nesta última parte do río Tambre atopamos restos dos antigos rodeiros ou pesqueiras onde se detiña a corrente e se aproveitaba para pescar lampreas, reos e salmóns.

A personalidade deste espazo está creada polo encontro entre mar e río, que reflicte unha extensa zona intermareal con grandes extensións de vexetación palúdica. Alberga densos bosques atlánticos, xunto con bosques de ribeira con amieiros, salgueiros, freixos, bidueiros, abeleiras, sabugueiros e carballos. Areais intermareais cheos de riqueza e extensos carrizais, colonizados por plantas acuáticas e xunqueiras, nun contorno de grande beleza. Hábitat de extensa e variada flora e fauna típica das marismas. Nesta zona concéntranse numerosas aves acuáticas, especialmente nos pasos invernais. As aves sedentarias máis comúns son a pita de auga, o somorgullo pequeno e o alavanco real, outras especies coas que nos podemos atopar: patos, garzas, garcetas, etc.. xunto con peixes, reptís, anfibios, mamíferos, insectos e numerosos seres microscópicos, que dotan o espazo dun hábitat excelente e de grande riqueza, para multitude de invertebrados e para a cría de peixes e moluscos.



O río Tins
De aproximadamente 12 km de longo, nace en Mazaricos, atravesa San Lourenzo e Outes, e no seu remate forma a enseada de Langaño. Na súa desembocadura, o Tins forma un esteiro de grande beleza, ao mesmo tempo que é un hábitat excelente e de grande interese paisaxístico, botánico e fáunico.