A carpintería de Ribeira

A carpintería de Ribeira

A construción de barcos foi unha actividade moi importante no pasado, pero na actualidade os únicos estaleiros que se conservan están localizados no porto do Freixo. Desenvolvendo un labor de carpintería de ribeira de tipo tradicional e familiar ou ben xa convertidos en talleres de reparación de buques que no seu conxunto, dan traballo ao redor de 100 persoas. Os talleres artesanais de carpintería de ribeira foron de fundamental importancia en todo o concello en xeral, e no Freixo en particular. Outes e San Xoán de Sabardes -O Freixo- a principios do século XX foron o concello e parroquia con máis carpinterías e talleres de construción de embarcacións de madeira en Galicia, contabilizándose ata 36. É certamente impresionante a cantidade de barcos, sobre todo de cabotaxe que se constrúen entre 1880 e 1920. Ata 1940 sobrevivirá con grande forza esta actividade que logo irá en declive. Na actualidade esta industria foi sendo relevada cara á outras empresas que incorporan novos materiais; na actualidade só quedan catro talleres en activo. De especial interese é facer o percorrido da ruta “Dos carpinteiros cos pés mollados”

Preme sobre a imaxe para descubrir a Ruta Emocional

ESPAZO MUSEÍSTICO DA CARPINTERÍA DE RIBEIRA “ESTALEIRO DE CIPRIÁN”

O Espazo Museístico da Carpintería de Ribeira “Estaleiro de Ciprián” xorde a partir da rehabilitación integral dun antigo estaleiro abandonado situado na enseada de Broña co obxecto de reconvertelo nun museo sen perder a esencia da súa actividade: a construción de barcos.

O proxecto constou de varias fases nas que ademais da rehabilitación da nave principal (incluíndo as ramplas e urbanización da contorna), creáronse novas dotacións como son a caseta de información turística e un almacén.

A rehabilitación realizouse mantendo as características orixinais do vello estaleiro do ano 1942, sendo reutilizadas pezas orixinais como as “cerchas” da cuberta ou as “táboas” do cerramento do taller.

No interior do Espazo Museístico, os visitantes poderán descubrir a historia da carpintaría de ribeira en Outes así como coñecer esta actividade a través dunha serie de vídeos e unha exposición de ferramentas propias dos carpinteiros. Tamén se exhibe a serra orixinal e o motor Ayón que permitía o seu funcionamento.

Este proxecto mellora a contorna litoral e paisaxística no seu conxunto e dota ao concello de Outes dun novo espazo cultural e patrimonial de primeira orde que non existe en ningún outro punto da xeografía galega.

O proxecto foi realizado grazas a unha subvención do GALP Costa Sostible xunto con fondos propios do Concello de Outes.