Ruta de 2 días en Outes

Día 1

Mañá

Aproveitando as primeiras horas da mañá e evitando as altas temperaturas do mediodía, comezaremos esta estancia de 2 días en Outes cunha ruta de sendeirismo: A ruta Albán – Tremuzo. Trátase dunha ruta de
aproximadamente 14 Km que comeza no lugar de Albán (Rates), pasa pola praia de Broña e remata no cumio do monte Tremuzo, o punto máis alto do Concello de Outes. Dende aquí poderemos contemplar unha das vistas panorámicas máis espectaculares da ría de Muros e Noia.

Comer

Logo deste esforzo, é hora de recuperar forzas. Poderemos disfrutar dunha boa comida en calquera dos nosos restaurantes.

Tarde

Xa pola tarde, un bo plan é desprazarse ao lugar do Freixo para desfrutar dun cruceiro pola ría de Muros e Noia no veleiro histórico “Joaquín Vieta”. Tomaremos o veleiro que sae as 17.30 h do porto do Freixo. A travesía ten unha duración de 1h30min / 2h e nela poderemos desfrutar dunha degustación de mexillóns.

Unha vez en terra, aproveitaremos as últimas horas da tarde para pasear polo porto e tomar algo nalgunhas das terrazas desfrutando das vistas.

Cear

No mesmo lugar de O Freixo, hai varios restaurantes onde degustar os famosos berberechos, navallas e outras delicias do mar ou productos da zona.

Durmir en Outes

Existe unha gran variedade de aloxamentos no concello para poder descansar.

Día 2

Mañá

Na mañá deste segundo día percorreremos o paseo fluvial do Tins, de aproximadamente 3 Km, que percorre ambas marxes deste río preto da súa desembocadura na Serra de Outes.

Logo desprazarémonos á parroquia de Santo Ourente, onde se atopa a empresa “Estivada Equestra”, para realizar un paseo a cabalo. Esta empresa ofrece clases individualizadas, saídas en grupo ou rutas pola contorna. Podemos continuar esta experiencia percorrendo o transcorrer do río Tins e visitar “A Ponte do Ruso”, todo en Santo Ourente.

Comer

Despois do paseo ecuestre, toca facer un descansao para comer. Na mesma parroquia de Santo Ourente atópanse varios restaurantes e casas de comidas onde atoparemos unha gran variedade de oferta gastronómica.

Tarde

Para rematar a nosa estancia en Outes, esta última tarde iremos a un imprescindible deste municipio: a praia. Neste caso escollemos a praia de Broña, ideal tanto para unha tarde relaxada tomando o sol como para realizar algunha actividade acuática como táboa lixeira, windsurf ou kayak.

Cear

Na Serra de Outes, atoparemos varios sitios onde poder cear antes de rematar a nosa viaxe. Tamén podemos achegarnos a Ponte Nafonso, onde poderemos gozar dun bo viño en calquera das tabernas desta localidade e despedir a xornada cun paseo con vistas á monumental ponte.