Actividades de Montaña

Escalada

Nas inmediacións do Monte Castelo, en Pedra Serpal, podemos practicar escalada, ao tempo que gozamos dunhas espléndidas vistas.

Barranquismo

A nivel particular ou a través de empresas privadas, temos varias rutas que se poden practicar no noso concello, situadas na parroquia de San Lourenzo de Matasueiro:

Descenso de canóns en Santa Baia, que ao non ser un barranco moi esixente tecnicamente permite gozar da actividade e a súa contorna a todo tipo de persoas independentemente do coñecemento do deporte e da súa forma física. Durante o descenso cruzaremos un bosque frondoso e con distintos tipos de árbores, alfombras de musgo, rochas e fervenzas. Descubriremos este deporte camiñando, nadando, realizando saltos e gozando de tobogáns naturais.

Barranquismo no río Ribeiriños, é este un canón con moito desnivel labrado. Unha sucesión continua de sete rápeles con auga, que fai desta, unha actividade técnica e segura, baixo a beleza cativadora do bosque de ribeira polo que discorre. Poucos barrancos contan con esta cantidade de rápeles polos que baixan as augas en paredes moi estreitas. Catalogado de nivel medio, cómpre ter certa experiencia antes de realizar esta ruta.

Rutas BTT

Existen varias rutas para facer con bicicleta de montaña un percorrido polo noso Concello. Boa proba disto é o traballo que o club ciclista Revoltas de Outes leva promovendo e que podemos ver visitando a súa páxina de facebook www.facebook.com/revoltasciclistas e onde se pode consultar todo tipo de rutas que están ao dispor dos afeccionados ao ciclismo de montaña, a través da páxina de wikiloc: es.wikiloc.com.

Monta a cabalo

Na parroquia de Santo Ourente atópase unha empresa, “Estivada Equestre” que organiza diferentes actividades con cabalos. Clases individualizadas, equitación e salto, saídas con grupos ou rutas pola nosa contorna, formación básica de manexo, coidados e pupilaxe do cabalo, doma, etc..

Karts

Na Serra de Outes, onde existe unha empresa “Karting Ayrton Senna” que alberga un circuíto para poder practicar este deporte. Lugar de reunión para os amantes do motor e a velocidade. Circuíto de 600 metros de lonxitude con tres tipos diferentes de karts segundo idades: desde os 5 anos, dende os 12 e adultos maiores de 12 anos.