Manuel Otero
Soldado outense falecido no desembarco de Normandía.
Manuel Otero
A historia de Manuel Otero comeza un 29 de abril de 1916, en Catasueiro (O Freixo-Outes) onde nace no seo dunha familia
humilde.
Tras un tempo arranxando barcos nun dos pequenos estaleiros do seu pobo, xurdiulle a posibilidade de enrolarse como mecánico na Mariña Mercante. Estaba destinado en
Cantabria cando Franco e os seus deron o golpe de estado, o 18 de xullo de 1936, e como a zona quedou baixo control republicano, foi chamado a filas por ese bando, cando apenas
tiña 20 años. Sábese que participou na batalla de Brunete, onde foi ferido de gravidade (nun brazo e pulmón) e logo, trasladado a Valencia para recibir tratamento durante 7 meses.
Non houbo noticias súas durante varios meses, ata que aparece rexistrado nun cárcere franquista en Barcelona, dende onde manda unha carta a súa nai, na que se sospeita certa man da censura, polo ton na despedida da misiva: “¡Arriba Franco y Arriba España!”
A súa liberación é unha incógnita, aínda que supostamente sería liberado ao constatar que no seu historial non había ningún delito de sangue máis alá das actuacións nas trincheiras.
Ao retornar a Outes, nunca se puido desprender da etiqueta de “rojo” por ter combatido co exército republicano. Parece ser que ese foi o detonante que o empurrou a emigrar a América e buscar un futuro mellor.
Chegou a Nova York, onde montou un negocio de mecánica no que se adicaba a arranxar coches, segundo unha carta que lle enviou a súa nai, á que tamén lle enviaba cartos. A única maneira de que Manuel puidese seguir permanecendo no país era conseguir a nacionalidade norteamericana, polo que o máis factible era alistarse no exército; no seu expediente figuraba unha mención a Hawai, un Estado asociado; unha estrataxema para que non o deportasen. Aos poucos días de iniciar o recrutamento, Xapón bombardeou a base de Pearl Harbor; e o presidente Roosevelt decretou a entrada de EEUU na II Guerra Mundial.
Manuel Otero foi asignado á unidade de elite 16º Rexemento da 1ª División de Infantería pola súa experiencia no campo de batalla. A el encomendáronlle a toma da Praia de Omaha (Omaha beach), principal enclave do desembarco de Normandía 6 de xuño de 1944. A praia tiña 8 km de lonxitude e a 1ª División de Infantería, onde loitaba Manuel, asignóuselle a metade oriental, cuxo principal obxectivo desta 1ª División de Infantería era reducir as defensas costeiras e permitir a chegada dos grandes barcos con máis homes e material acoirazado que nas seguintes avalanchas asegurasen unha cabeza de praia duns 8 km de profundidade, conectando cos desembarcos británicos na praia de Gold. Manuel faleceu nesta misión. O seu nome aparece inscrito no obelisco que recorda aos caídos da Big Red One na xornada do 6 de xuño de 1944.
A finais de 1947, o pai de Otero realizou una serie de xestións perante a embaixada dos EEUU en España para que repatriaran o corpo do seu fillo. Despois de varias peticións a US Army deu o visto bo e o corpo de Manuel Otero foi enviado a Outes.
Envolto na bandeira estadounidense e nunha cerimonia multitudinaria á que asistiu o agregado do mando militar americano en Madrid, Manuel Otero foi enterrado no camposanto de San Xoán de Sabardes o 18 de setembro de 1948 e condecorado coa medalla Corazón Púrpura, que se lle entregaba aos caídos en combate.