Pazos

Pazo da Serra

Situado no centro da Serra de Outes, é de propiedade privada e localízase a carón da ponte. Foi construído a partir da antiga fortaleza medieval, da que só fican dúas paredes. Nunha delas, a que dá ao sur, consérvase un arco de medio punto con grandes doelas de pedra; na outra fachada que dá cara á estrada, loce un escudo abrazado por unha serea dos Mariño e na que se distinguen, ademais das ondas dese mesmo apelido, os emblemas de Soutomaior, Zúñiga e Lobeira.

Pazo de Añón

Encóntrase no lugar de Boel, é de propiedade privada e é un dos escasos exemplos de arquitectura barroca conservados en toda a bisbarra, século XVII. Destaca a rexa fachada de cadeirado presidida por un balcón con balaustrada ao que se accede por unha escalinata de pedra.

Pazo do Tambre

Está situado no lugar do Enxido, parroquia de Cando. Atribuído a Antonio Palacios, esta grandiosa casa-pazo ten unha fachada precedida dunha monumental escalinata sobre arco, baixo un elegante balcón apoiado sobre columnas. Nos extremos da edificación podemos contemplar dous torreóns a modo de miradoiro. Nas diferentes construcións da época que podemos observar en todo o conxunto da facenda, apreciamos como o arquitecto optou por empregar o granito en forma de cadeirados almofadados sen pulir, ao redor de fiestras e portas. En contraste con estas pezas de granito rudo, o resto das paredes móstranse totalmente lisas e caleadas. Actualmente esta propiedade está destinada á explotación de servizos de hostalería e hospedaxe.